Aprobada por unanimidade a licitación do Máster Plan de Coruña Marítima
Aprobada por unanimidade a licitación do Máster Plan de Coruña Marítima

A Coruña, 20/05/2025
O Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña realizou esta mañá unha reunión extraordinaria na que, como único punto da orde do día, se aprobou a licitación do Máster Plan de Coruña Marítima.
A sesión comezou ás 12.30 horas. Dada a transcendencia do asunto, asistiron á reunión Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Inés Rey, alcaldesa do Concello da Coruña; José Antonio Santano, secretario de Estado de Transportes e Movilidad Sostenible; Gustavo Santana, presidente de Puertos del Estado, e Juan Pablo Villanueva, director xeral de Negocio e Cliente de ADIF. Estiveron representadas así as seis institucións que, xunto á Autoridade Portuaria, cofinanciarán o Máster Plan.
A licitación culmina un ano de traballo, desde que, o 22 de maio de 2024, se asinase no Concello da Coruña o protocolo Coruña Marítima, no que as administracións que teñen competencias nos espazos portuarios e ferroviarios plasmaron o seu obxectivo de acometeren a reordenación de todo o ámbito.
Tras a sinatura do protocolo, constituíuse a Comisión Coruña Marítima, cun comité técnico de apoio, e acordouse convocar a redacción dun Máster Plan, como punto de partida para desenvolver o proxecto nos próximos anos.
Dúas fases
As bases do concurso, cun importe total de 3.015.000 euros, prevén dúas fases na elaboración do documento. Nunha primeira fase, seleccionaranse un máximo de cinco candidaturas entre as ofertas que se reciban. Poderán presentarse todas as empresas e os/as profesionais que o desexen, que deben cumprir os requisitos de solvencia que esixe a normativa e contar cun equipo multidisciplinar no que figuren profesionais con experiencia en urbanismo, paisaxismo, arquitectura, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos.
Da análise das candidaturas, adxudicaráselle o Máster Plan ao equipo mellor valorado, con criterios obxectivos que avaliarán a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos.
O prazo estimado para seleccionar o adxudicatario estímase en 12 meses, polo que o concurso estará resolto sobre maio-xuño de 2026. A partir de aí, a empresa gañadora deberá presentar no verán de 2027 o Máster Plan e diferentes documentos complementarios, entre eles a nova Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, a modificación do Plan xeral de ordenación urbana, informes ambientais ou o establecemento de requirimentos para o deseño dun edificio singular que caracterice a intervención.
Publicación
Tras a aprobación por parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, a licitación publicarase nos próximos días no Diario Oficial da Unión Europea e na Plataforma de Contratación do Estado.
O detalle do orzamento total é o seguinte:
2.615.000 euros: a empresa adxudicataria da redacción do Máster Plan e os documentos complementarios.
80.000 euros: prima para cada unha das cinco propostas seleccionadas. En total: 400.000 euros.
Ademais, consígnanse 300.000 euros para financiar a asistencia técnica ao órgano de contratación durante todo o proceso de licitación.
Acordos estratéxicos
O Máster Plan deberá cumprir coas bases estratéxicas e cos catorce acordos estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima, así como coas conclusións do proceso de participación cidadá que se desenvolveu nas últimas semanas. Os acordos recollen diversas medidas para reforzar a actividade portuaria, impulsar novas actividades económicas, mellorar a mobilidade na cidade e as conexións coa área metropolitana, construír equipamentos públicos e potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade en toda a intervención.
O Máster Plan abarcará todo o ámbito do porto interior, desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, e a estación de mercadorías de San Diego. Deberá ser ambicioso, innovador, propositivo e flexible, cun proxecto que reflicta a esencia da Coruña.
Con anterioridade ao comezo da reunión do Consello de Administración, Alfonso Rueda, Inés Rey, José Antonio Santano e Gustavo Santana asinaron no Libro de ouro da Autoridade Portuaria da Coruña.