Construción da Torre de Hércules. A orixe do Porto da Coruña vincúlase a este faro, nunha época na que se comerciaba fundamentalmente con viño, gran, aceite, peixes e metais.

A partir do inicio de actividade do faro, o porto vai cobrando cada vez máis importancia no transporte marítimo, en pleno proceso de romanización con obxectivos moi ambiciosos. A influencia do porto vai estendéndose polo istmo coa consecuente expansión da poboación ás zonas baixas da cidade. En tempos de Vespasiano o porto de Brigantium únese con Lucus Augusti a través da vía "Per loca marítima", polo que A Coruña convértese no porto de saída ao mar de Lugo, centro administrativo da zona e cidade máis poboada de Galicia. 

A partir dos séculos III e IV comeza un declive da actividade portuaria e descende a poboación da Coruña, abríndose un período de invasións de pobos guerreiros como os Suevos, os Visigodos e despois os Normandos, o que precipita a práctica desaparición dos asentamentos de poboación.