A pesca constitúe un dos piares do Porto da Coruña e un dos grandes motores económicos da cidade. Cunha posición de liderado en España e unha media de 30 000 toneladas anuais de pesca fresca e marisco, xera un volume de negocio de arredor de 70 millóns de euros ao ano na primeira venda e uns 10 000 postos de traballo.

A evolución deste sector estratéxico para A Coruña está moi asociado á posta en marcha da actual Lonxa, que se converteu nunha referencia a nivel europeo polo seu modelo de autoxestión directa, polas súas modernas instalacións e polas súas garantías de seguridade e hixiene. Este novidoso sistema, pioneiro en España, integra no Consello de Administración todos os membros da comunidade pesqueira, desde os armadores de buques ata os comerciantes por xunto e os poxador.

As instalacións, situadas no peirao de Linares Rivas, destacan pola súa amplitude, espazos diáfanos, hixiene, bos accesos e facilidades para que os operadores e usuarios desenvolvan o seu traballo. O edificio da lonxa conta con 31 341 metros cadrados de superficie útil. A súa forma alongada dá solución ás necesidades do sector: unha ampla fronte de contacto co borde marítimo e fachada de acceso aos grandes vehículos de carga.

A Lonxa é a principal infraestrutura asociada á actividade pesqueira do porto da Coruña, que conta con dúas dársenas dedicadas especificamente a este sector. A dársena constituída polos peiraos de Linares Rivas, A Palloza, parte do Peirao do Leste e a terceira liña de San Diego está dedicada á comercialización e manipulación de pescado. Pola súa banda, a dársena de Oza concentra os departamentos para armadores, naves de subministros e redeiros e outras instalacións, ademais dos pantaláns para o amarre das embarcacións.

Outro dos grandes activos da Lonxa é a presenza no recinto portuario de grandes centros de distribución dos complexos comerciais máis salientables, que contan con grandes naves e precisan un volume constante de mercadoría en grandes cantidades que adquiren na Lonxa coruñesa para distribuír a todos os puntos de compra do país.