Eólica mariña e carga de proxectos
Desde a posta en servizo do Porto Exterior, viñéronse realizando operacións de carga de proxectos de grandes dimensións, en óptimas condicións de operatividade, evidenciando o potencial das novas infraestruturas portuarias para dar cabida a operacións loxísticas singulares que requiren de amplas superficies terrestres para facilitar o almacenamento e manipulación de cargas especiais e sobredimensionadas. Deste xeito, o Porto Exterior de Punta Langosteira posiciónase nunha vantaxosa situación competitiva, contando ademais con operadores con gran experiencia no movemento desta tipoloxía de cargas e que dispoñen de medios de manipulación modernos e eficientes.
Os embarques de grandes estruturas metálicas fabricadas no polígono industrial de Sabón, próximo ao peirao do porto exterior, facilitando a súa estiba e exportación, alivia os problemas derivados da necesidade de solicitar permisos especiais de transporte por estrada para realizar os movementos con cargas de grandes dimensións. Así mesmo os grandes calados de Punta Langosteira permitiron que na súa lámina de auga abrigada se fabricasen os caixóns de formigón, tanto para a ampliación do porto de Aberdeen, como para un aeroporto en Filipinas, operacións loxísticas exitosas, coa carga dos caixóns en plataformas semimergullables como o Boka Vanguard e o Blue Marlin, para o seu traslado ao seu destino final de instalación.
Así mesmo, a dispoñibilidade de amplas superficies terrestres en dominio público portuario e os calados profundos na canle de acceso, con ata 22 metros no peirao, son as principais vantaxes competitivas do porto exterior da Coruña para o seu posicionamento como un hub estratéxico para a eólica offshore. As súas instalacións ofrecen condicións únicas para industrias e proxectos asociados ás enerxías renovables e de apoio aos desenvolvementos de eólica mariña, que se están a implantar no norte de Europa e que demandan portos con capacidade para acoller a fabricación de equipos e almacenamento de compoñentes e pezas dos aeroxeradores.
As solicitudes de concesión para a implantación de importantes proxectos industriais e desenvolvementos asociados á eólica mariña están a ser analizadas pola Autoridade Portuaria e implicarán a xeración de centenares de postos de traballo cualificados nun mercado de gran proxección internacional.
Así mesmo, a situación dun parque experimental a tan só 10 quilómetros do porto exterior da Coruña, que se configura como a primeira plataforma eólica mariña experimental de Galicia, posibilitará seguir avanzando e impulsando as enerxías limpas, xa que permitirá facer probas de prototipos flotantes e estudos relacionados co medio mariño.
Ligazóns de interese
Ver en YouTube «Embarque das pezas para unha ponte en Colombia»Ver en YouTube "Embarque de pezas para proxecto CERN e transporte a Houston"
Ver en YouTube "Embarque e transporte de caixóns de formigón dende Langosteira"