Diálogos de sostenibilidade
O 14 de novembro de 2023 presentouse o modelo de colaboración da Autoridade Portuaria. Este modelo, acorde coa 12ª liña estratéxica do Marco estratéxico do sistema portuario de titularidade estatal e aliñado co ODS 11 “Cidades e Comunidades Sostibles”, é o resultado de numerosas conversas e entrevistas con prescritores e representantes dos nosos grupos de interese (GGII). A súa finalidade é o desenvolvemento do porto da Coruña e da súa dársena en Arteixo baixo criterios claros ambientais, sociais e de gobernanza (ESG), e pretende influír de maneira responsable na área metropolitana da Coruña para acadar un maior benestar colectivo hoxe e no futuro.
O noso modelo de colaboración estrutúrase en tres liñas principais:
- Ser un porto que escoita e comunica.
- Ser un porto que se relaciona e participa nos asuntos relevantes e de interese para os nosos GGII.
- Ser un porto proactivo, que propón e crea alianzas.
Os Diálogos de sustentabilidade permiten conectar o noso modelo de colaboración cos temas máis actuais e de maior repercusión para a sustentabilidade do porto e da súa área de influencia. Os temas que se abordan están sempre nas dimensións ambiental, social e de gobernanza, e o seu obxectivo é escoitar, dialogar e propoñer liñas de traballo e proxectos concretos de colaboración.
Diálogos Internacionais Humboldt
Neste marco insírense os Diálogos Internacionais Humboldt, iniciados en 2023 en colaboración co CEIDA, que teñen como obxectivo dar a coñecer a figura de Alexander von Humboldt (investigador, naturalista e xeólogo, quen protagonizou unha das grandes fazañas científicas da historia cunha expedición americana que partiu da Coruña o 5 de xuño de 1799), así como poñer o foco en temas relevantes e actuais para o medio ambiente.
- Diálogo 2023: comezou cunha introdución á figura de Humboldt e á súa vinculación coa cidade da Coruña, para continuar cos desafíos da conservación ambiental aos que se enfronta a sociedade, pasando por un exame crítico da súa evolución ao longo da historia.
- Diálogo 2024: revisión do período histórico no que Humboldt desenvolveu o seu traballo e investigacións, seguido do estudo das reservas da biosfera como instrumento de conservación para o desenvolvemento do territorio.
- Diálogo 2025: relacións de Humboldt coa comunidade hispana e revisión dos retos ambientais actuais baixo un enfoque sostible.
Documentos
Diálogos 2023 - ProgramaDiálogos 2024 - Programa
Diálogos 2025 - Programa