A Autoridade Portuaria ten previsto acometer este ano melloras nas praias de Barrañán e Repibelo, no concello de Arteixo

A Autoridade Portuaria da Coruña licitou o pasado 14 de maio a contratación das obras para a achega de area na praia de Barrañán, no Concello de Arteixo. O orzamento é de 148.000 euros, cun prazo de execución dun mes. A actuación está condicionada á tramitación ambiental do proxecto, que corresponde á Demarcación de Costas de Galicia. O proxecto enmárcase no labor de seguimento que se realiza ás praias que poden verse afectadas polo transporte de sedimentos como consecuencia da construción do Porto Exterior.

No caso de Repibelo, próxima ao areal de Sabón, detectouse que sufrira un incremento de cantos rodados de gran tamaño que dificultan as actividades na mesma. Por iso, e en coordinación coa Demarcación de Costas e o Concello de Arteixo, preténdese levar a cabo o traslado dos cantos na zona alta da praia, acondicionando así unha zona de praia seca, e arrimando ademais as pedras próximas á zona intermareal nun dos extremos. O obxectivo é facilitar o acceso á beira do mar. Para completar a actuación, repasarase o perfil da praia e o seu pendente. A actuación está incluída no programa de vixilancia ambiental correspondente ao Porto Exterior de Punta Langosteira. Ten un orzamento de 17.500 euros e realizarase a finais do mes de maio.

Para o resto das praias do municipio, e para os próximos veráns, está a estudarse todo o sistema de areais, co obxectivo de acordar co Concello e a Demarcación de Costas unha actuación global en todo o ámbito.