O Porto Exterior da Coruña

A situación do porto interior encaixado na cidade, a limitación dos seus espazos e a súa imposibilidade de crecemento para atender a demanda de novos e maiores tráficos, motivou a decisión de construír un novo porto; ademais da insistente demanda social de afastar do centro da cidade os tráficos potencialmente perigosos ou molestos.


As novas instalacións portuarias de Punta Langosteira, que entraron en funcionamento en setembro de 2012, están ao servizo do tráfico marítimo internacional e ofrecen grandes superficies terrestres, dispoñibles para ser cedidas a modo de concesión e desenvolver operacións nunhas magníficas condicións de operatividade.
 

A especialización do porto da Coruña no movemento de tráficos enerxéticos e outros graneis, tanto líquidos como sólidos, demandantes de grandes superficies de manipulación e almacenamento, é precisamente un factor crave da nosa diferenciación, que vai posibilitar a chegada de novos tráficos e a captación de investimentos privados cara ás novas infraestruturas portuarias; ademais dos traslados que, de forma gradual, están a acometerse desde as instalacións da dársena interior ao novo porto exterior.
 

O Porto Exterior, situado no veciño municipio de Arteixo, albergará esencialmente a actividade graneleira e conta coas instalacións idóneas para converterse en porto hub de hidrocarburos e outros produtos enerxéticos vinculados ao petróleo.

 

(Contido só en castelán)

A oferta comercial do Porto Exterior baséase en tres vantaxes competitivas, que o configuran como un porto óptimo para a trasfega de produtos petrolíferos:

  • a súa posición xeoestratéxica privilexiada, próxima ás principais rotas de tráfico marítimo internacional de produtos petrolíferos.
  • condicións idóneas para converterse en porto hub de hidrocarburos e produtos vinculados ao petróleo, con calados de até 24 metros, onde se poderán situar tres pantaláns con 10 puntos de atracada, que posibilitarán mesmo a chegada de buques VLCC, permitindo así a xeración de economías de escala.
  • gran superficie terrestre, con 190 hectáreas xa dispoñibles que serán ampliadas até 250 para dar cabida ao desenvolvemento de novos negocios, especialmente operacións loxísticas de Project Cargo e Eólica Offshore.

Pero tamén é un factor diferencial a considerar no tráfico de graneis sólidos e particularmente de agroalimentarios, en base ás economías de escala que se poden xerar para os operadores, o feito de poder mover volumes de carga moito maiores, coa consecuente redución de custos.

 

A estratexia comercial da Autoridade Portuaria, que se orienta prioritariamente á captación de novos tráficos, está centrada así mesmo no seguimento e desenvolvemento de actuacións encamiñadas a situar o novo porto, promocionando as súas potencialidades como plataforma loxística mundial en determinados sectores, e na procura e identificación de potenciais investidores, atraídos polas oportunidades de negocio e a vantaxe diferencial que ofrece nunha contorna de alta competencia interportuaria.

 

Esta transformación do porto da Coruña, que supuxo a construción do novo Porto Exterior, acompañada adecuadamente dunha óptima conectividade terrestre e a reserva necesaria de chan industrial na contorna, será extremadamente positiva para todos, cidade, área metropolitana e comunidade portuaria, se aproveitamos a oportunidade única que nos brinda de poder competir en igualdade de condicións para captar novos tráficos e oportunidades de negocio e, deste xeito, garantir a rendibilidade dos investimentos realizados e a sustentabilidade do porto, como auténtico eixo vertebrador de desenvolvemento e crecemento socioeconómico en Galicia.

 

A Coruña conta agora cun porto moderno, de última xeración, que duplica a superficie actual da dársena interior e que se deseñou pensando no futuro, dimensionando as infraestruturas e os espazos a longo prazo, co obxectivo de satisfacer a demanda de servizos portuarios e as necesidades do transporte marítimo dos próximos 50 anos.

Vistas do Porto Exterior

Carga de pontonas
Carga de pontonas
Carga clínker
Carga clínker
Barcos atracados
Barcos atracados
Panorámica do Porto Exterior
Panorámica do Porto Exterior