O noso Hinterland

As instalacións portuarias de Punta Langosteira nacen cunha vocación de servizo ás empresas e industrias da súa contorna; como un porto que asegure a saída áxil e rápida das mercadorías e a entrada das cargas de importación para o mercado doméstico.

 

O previsible crecemento dos tráficos portuarios, a óptima conectividade terrestre e a dispoñibilidade de chan industrial na contorna de proximidade do porto, permitirán ampliar o hinterland natural cara a territorios máis afastados que son actualmente espazos de competencia interportuaria.

 

O noso hinterland, entendido como o espazo terrestre no que se localizan os lugares de orixe ou destino dos nosos fluxos portuarios, debe buscar expandir os seus límites de localización; chegando a empresas e industrias máis afastadas que poidan enviar ou recibir as súas mercadorías por mar a través do porto da Coruña.

 

As empresas da contorna portuaria, que realizan movementos de comercio exterior, representan o principal potencial de xeración de fluxos de transporte marítimo; tanto no sector de hidrocarburos, como no movemento de graneis sólidos e mercadoría xeral, así como a carga contedorizada.

 

A vocación do porto da Coruña é penetrar nestes mercados estratéxicos e presentar a oferta comercial das súas instalacións e servizos portuarios, para fidelizar cargas e captar novos clientes; de modo que o seu hinterland se faga máis próximo en canto ao noso compromiso coas empresas e máis amplo en canto ao servizo que podemos prestarlles.

 

A achega industrial e económica do porto da Coruña e, en particular das novas instalacións de Punta Langosteira, bríndannos a oportunidade de dar un gran salto e converternos en referencia do transporte marítimo internacional. As características técnicas do Porto Exterior, con excelentes condicións en canto a localización, calados, accesos, infraestruturas e chan loxístico e industrial, fanas únicas na fachada atlántica.