Oferta comercial por sectores de actividade

O porto da Coruña ofrece múltiples oportunidades de investimento para diferentes sectores de negocio, dada a súa posición xeoestratéxica privilexiada na confluencia das principais rutas de transporte marítimo internacional.

 

As principais características das novas instalacións portuarias de Punta Langosteira e a súa dispoñibilidade de grandes superficies terrestres, configúrano como un porto idóneo para converterse en hub de concentración de cargas ou como elo da cadea loxística, en apoio da industria implantada na contorna portuaria. Tamén se consolidou como porto para a circulación de grandes pezas e as operacións de Project Cargo, como a fabricación de caixóns de formigón para obras de infraestruturas, que foron cargados e transportados en plataformas semisumerxibles como o Boka Vanguard. Así mesmo, as súas profundidades e a dispoñibilidade de grandes superficies terrestres confírenlle vantaxes moi competitivas para posicionarse como porto de apoio á industria eólica mariña e para o desenvolvemento de proxectos vinculados á produción e exportación de enerxías renovables.

 

Como porto hub, por exemplo no sector de hidrocarburos, o Porto Exterior conta con infraestruturas cuxas características resultan moi axeitadas en canto a calados e superficies, para realizar estas operacións de concentración e distribución de cargas polo porto da Coruña.

  • Calados de 22 metros e 1600 m. de liña de atracada en peirao público.
  • Calados de 24 metros na zona de pantaláns que permitirán a chegada de grandes buques VLCC, de máis de 200.000 TPM.
  • Grandes superficies dispoñibles para almacenamento (total superficie Porto Exterior en fase de ampliación: 250 Hectáreas).
  • Porto afastado de núcleos urbanos, minimizando a interferencia ambiental.

Ademais, o Porto Exterior pode xerar oportunidades de negocio á industria da súa hinterland ao proporcionarlle novas rutas de transporte; ben por tratarse de lugares aos que se non podería acceder de non ser por vía marítima, ou destinos nos que o transporte marítimo reduce considerablemente os custos, especialmente en actividades demandantes de grandes espazos para a manipulación e almacenamento de mercadorías.

 

Neste caso, as vantaxes que ofrece o porto exterior á industria implantada na contorna, ademais dos grandes calados que permiten a chegada de buques de grandes dimensións e da dispoñibilidade de grandes superficies; son as boas comunicacións terrestres por vías de alta capacidade e o contar no porto con operadores con ampla experiencia no manexo de mercadorías de gran variedade de sectores: enerxético (hidrocarburos, carbón), agroalimentario (cereais,..), siderometalúrxico, forestal (madeireiro, pellets), movemento de cemento, de áridos, de grandes pezas e Project cargo.

 

Operación de carga de pontonas
Operación de carga de pontonas

A oferta comercial do porto da Coruña diríxese aos seguintes sectores de actividade, para os que se identificaron as principais vantaxes diferenciais ou competitivas. Nalgúns casos, estas vantaxes, permitirán xerar economías de escala e, deste xeito, garantir unhas altas taxas de retorno para os investimentos efectuados, mentres que, noutros casos, posibilitarán o desenvolvemento en si do propio negocio, xa que polas características inherentes ao mesmo, requiren dunha localización próxima ao porto ou, mesmo, estar situadas no propio recinto portuario.

  • Graneis líquidos: petróleo e derivados, aceites e melaza, etc.
  • Graneis sólidos: produtos agroalimentarios, carbóns e coques, minerais, pellets e achas de madeira, ou cemento e clínker, como xa se está movendo no peirao de Punta Langosteira.
  • Mercadoría xeral convencional: produtos siderúrxicos ou pezas de grandes dimensións e estruturas metálicas, que se están cargando polo Porto Exterior.
  • Outros sectores:
    • Industria eólica marina con movemento de grandes pezas.
    • Plantas de produción de enerxías renovables, hidróxeno verde.
    • Plantas de biomasa con grandes volumes de almacenamento.
    • Industria de despezamento e reparación naval, demandante de grandes superficies terrestres.
    • Plantas de fabricación de cemento e almacenamento de clinker con destino á construción.
    • Calquera outra implantación industrial que requira estar próxima a un porto para a subministración de materias primas á fábrica ou centro de produción, así como para a posterior reexpedición ou exportación de produto terminado.
Realización de operacións no Porto Exterior
Realización de operacións no Porto Exterior