Historia Século XX - 1900 - 1950
A principios do pasado século preséntase un dos proxectos máis ambiciosos na historia do porto: a construción dos peiraos que conforman as novas dársenas e un dique quebra-mar, que se considera o precedente do actual dique de abrigo.
En 1906 Eduardo Vila realiza o proxecto da Dársena da Mariña e do Varadoiro do Parrote. A dársena, de forma trapezoidal, non só serviría para protexer as embarcacións menores, senón tamén para eliminar o aspecto insalubre da zona. A obra culminaría en 1918, permitindo un maior ancho de tránsito para a poboación e conformando un dos puntos máis belos da cidade, complementado polas galerías de cristal. |
Ante o crecemento de viaxeiros cara a América do Norte, en 1923 preséntase o proxecto do Peirao de Transatlánticos (actual peirao de Calvo Sotelo). Tras numerosos problemas técnicos, laborais e políticos, a obra finalizou en 1936. |